Wednesday 15 de May de 2024

Cota cuberta en Ordes nas sesións de asesoramento, formación e apoio a mulleres potencialmente emprendedoras


Desenvolvidas por Rede Emprende en colaboración co Concello perseguen a mellora nas capacidades e na busca de emprego

A aula de informática da casa da cultura do Concello de Ordes acolleu a primeira dun amplo número de xornadas de asesoramento, formación e apoio a mulleres potencialmente emprendedoras. Unha iniciativa na que colabora o Concello de Ordes a través da súa oficina de Emprego e que se engloba no marco da Rede de Emprendemento en Igualdade, posta en marcha pola Secretaría Xeral de Igualdade en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG).

“Este tipo de actividades responden coa idea que dende o Concello temos para aumentar o nivel de formación e as posibilidades de desenvolver satisfactoriamente unha actividade laboral”, manifestou na súa benvida a concelleira de Educación e Servizos Sociais, Susana García. A edil insistiu na “importancia que hoxe en día ten o manexo de ferramentas informáticas e o acceso á información”.

Como obxectivo principal figura o de brindar o apoio necesario de cara á posta en marcha e modernización das súas empresas, así como na busca de emprego e na creación dunha identidade dixital propia a través de distintas plataformas e servizos. Internet e redes sociais, novas tecnoloxías aplicadas a proxectos emprendedores e á busca de emprego, transposición de experiencia e perspectiva de xénero serán os puntos nos que se baseen as sesións.

Segundo o calendario previsto as clases finalizarán a finais do vindeiro mes de novembro, tras máis de vinte horas de formación. O dito curso tamén se desenvolve a través das aulas CEMIT da Xunta de Galicia.